Acerca de

Ano: 2012, 2013

CÓMO, POR E PARA QUÉ?

A finais do ano 2012 comézanos a rebulir e xurdir nos nosos miolos unha antiga inquedanza; que non era outra que; pór os xermolos para botar a camiñar unha rede social xenuinamente galega. Pouco a pouco fomos collendo folgos e despois de darlle moitas reviravoltas; aló polos días iniciais de xaneiro de 2013, poñiamos os primeiros piares para que Vituin, Gal. se convertera nunha realidade.

Na actualidade estase a desenrolar unha grande fartura de engaiolantes redes sociais que se moven con carácter; case que; feramente económico, controlador de masas e polo tanto do poder. Mesmo, que nos negan como País. Non sería a primeira na cal nos utilizan sen o noso consentimento con fins mais que dubidosos e escuros. Dende o mais absoluto respecto cara estoutras, devanditas, e aos seus usuarios; Vituin, Gal. sae do ovo e nace con e para fins ben distintos. Pretende ser unha ferramenta alternativa e abrir un novo vieiro para fornecer a nosa lingua e idiosincrasia propias como pobo na que todos e todas poidamos seren os protagonistas expondo cadanseu; libremente e sen ataduras de ningún tipo; as súas inquedanzas, vivenzas e seus lexítimos ideais. Na realidade e con sinxeleza; tentamos de encher un oco e un baleiro nun País orfo dunha grande rede social de seu.

Isto; dalgún xeito; ven a ser ou a escolmar o cómo, por e para qué sae do berce, emerxe e xurde Vituin, Gal. agardando que sexa o celme da rede social galega que, dende o noso chan, espalle por todo o planeta os nosos ventos ábregos e a nosa alba de groria.

Coidamos que só así vivindo sen complexos acadaremos un presente que xa nos pertence e albiscaremos un futuro sen ren que envexar a nada nin a ninguén.

Ano: 2014, 2015

NOVOS TEMPOS SON CHEGADOS

Como queira que a buxaina terráquea segue a xirar e os tempos virtuais trocan moi axiña, coidamos que o mais axeitado sería mudar o nome e algúns contidos da nosa rede social. Polo cal, o que até hoxe e que xa noutrora foi Vituin, Gal; agora; e dende arestora pasa a chamarse “Caxigo”. Sempre conservando as mesmas funcións e características básicas do pasado Vituin, xunto coas melloras que xa iredes ollando e descubrindo co seu uso.

Benvidos, de novo, e que teñades unha boa andaina na estrea de Caxigo!

Adiante pois; estades e atopádevos na vosa rede, xenuína e inconfundibelmente, galega.

Ano: 2016

APRODIGA

No mes de xaneiro do 2016 constitúese APRODIGA (Asociación pola Promoción e Dignificación do Galego).

MARCOS SUÁREZ; fundador e creador desta rede social galega; da cal viña sendo, ao mesmo tempo, o seu titular comunica: De agora en diante a titularidade de CAXIGO pasa a pertencer á Asociación APRODIGA, na cal seguirán todos os membros do equipo actual e algunhas outras novas incorporacións. Deste xeito intentamos seguir avanzando coa rede dunha maneira máis profesional, medrando e mellorando en todos os sensos e aspectos.

Incorporamos moitas novidades e funcionalidades que os usuarios nos pedían; así como a posibilidade de colaborar con nós, dun xeito voluntario e/ou altruísta, no seguinte enlace: https://caxigo.gal/achegas

Isto fará posíbel a continuidade e mellora da rede. Lembramos que se trata dunha Asociación cultural sen ánimo de lucro e que polo tanto non buscamos nin pretendemos beneficio propio algún. As persoas que lle dedicamos tempo a este sinxelo, pero engaiolante, proxecto facémolo desinteresadamente en beneficio da nosa fala, da nosa cultura e da nosa idiosincrasia como pobo.

Este cambio non afectará, en ningún caso, á continuidade nin ás condicións. Pola contra, axudará a que o vieiro que comezamos a percorrer a finais do ano 2012 se vaia convertendo nunha fermosa e saudábel andaina sen retorno; así coma nunha ferramenta para conquerir un abrente pintado de esperanza sempre limpo de imbéciles e escuros.