Apiano, na súa Historia Romana VI (Sobre Iberia, 73), relata os feitos dunha cidade, seguramente citania ou castro, polas reiteradas sublevacións, nas campañas de Xunio Bruto, despois chamado en Roma "O Galaico" polos seus éxitos.
Apiano recolle datos de Polibio, que estivera en Hispania cara o 133 antes de Cristo.
Os feitos relatados sucederan catro ou cinco anos antes, cara o 137 a. de Cristo. A cidade é Talábriga, e Apiano cóntanos que xa fora sometida e que voltara a sublevarse....
"Tamén naquela ocasión lle solicitaron o perdón os seus habitantes e rendéronse sen condicións. Bruto esixiulles, en primeiro lugar, os desertores romanos, os prisioneros, as armas que poseían e, enriba, reféns; despois mandoulles que abandoaran a cidade cos seus fillos e mulleres. Cando lle obedeceron, arrodeounos con todo o exército e pronunciou un discurso reprochándolles cántas veces se sublevaran e reiniciaran a guerra contra él. Despois de porlles moito medo e de darlles a impresión de que quería castigalos terriblemente, (Bruto) rematou os seus reproches e deixoulles voltar á súa cidade pra que a seguisen habitando, en contra do que eles esperaban, pois sacáralles os seus cabalos, o trigo, todo o diñeiro que tiñan e calquera outro recurso público...."
Non hai nada, en principio, pra identificar Talábriga con Lámbrica... pero o "modus operandi" seguro que foi repetido por Bruto -ou polos seus subordinados- en máis dunha ocasión. Sabemos que chegou ata o río Miño... e imaxinar esta escea en Lámbrica non parece difícil. Só así, con destrución previa e coa permisividade de voltar os seus habitantes á cidade, pode explicarse a marabillosa coherencia da citania de Lámbrica, que parece construída dunha soa vez.
Tamén explicaría o porqué das datacións tan tardías á que nos acostumbran os arqueólogos: século II a. C. a século II d. C. cando o modo de vida, a disposición urbanística e as evidencias artísticas proceden dunha cultura datable catro ou cinco séculos antes, no que se chaman as Idades do Ferro (séculos VIII a. C a I a. C.)
Chama moito a atención que as cidades prerromanas tiñan cabalos, trigo (cereais), pecunio e recursos públicos... co que iso implica de organización social, aínda non ben valorada hoxe en día, pois a arqueoloxía oficial quere vendernos que antes de vir os romanos aquí, ao Noroeste, só había tebras.
Finalmente... debemos preguntarnos e pensar por que os romanos "perdoaron" e permitiron aos habitantes de certas cidades -que nunca serán "romanas"- continuar vivindo nas súas casas...
Unha auténtica colonización que permitiu aos conquistadores a apropiación da man de obra nativa xunto cos recursos que pretendían explotar. O ouro será o máis coñecido.
De Lansbrica a Lámbrica pasando por Lanóbriga... https://reburrinus.fala.gal/la....nsbrica-lanobriga-e-
Lanóbriga, a cidade galaica que nunca estivo en San Cibrao das Las... https://lanobriga.fala.gal/