ARDENTÍA DE LEMBRANZAS

Hai lembranzas do meu País que salientan na miña alma un ronsel de cantigas e de rezos, de romarías e velorios, de paisaxes de soutos e carballeiras, de frías mañás de orballos tecendo doces sons na terra agradecida, de escumas do mar, aló onde bate co ceo, ardendo no solpor dunha paisaxe de homes e mulleres loitando día a día neste fermoso val
de Galicia inzado de corredoiras, chousas e prados. Escoito ó lonxe un carro de bois que renxe forte rachando a soneca da tardiña, un coro de cans de palleiro ouveando sen xeito, vexo unha eira, un cabazo con centeo e trigo, unha cortiña de verzas e patacas, porcos e galiñas fozando na terra, unha casa e, na porta, dúas nenas coas súas bonecas de trapo, e catro nenos na eira xogando a billarda. Alí estou eu tamén, lacazán, amigo de falcatrúas e de escoitar atento o bruar do vento na carballeira e o petar dos zocos da miña avoa corredoira arriba. Ela, miúda de corpo, forte coma un penedo, coas súas pequenas mans facedoras de milagres, goberna as poucas cousas da casa, ela, inventora de farturas, sempre toda de loito. Eu véxoa cos ollos da saudade. Asemade, achégase a min, nun balbordo, a cantiga húmida das augas do veciño Tambre percorrendo a súa andaina rindo a escachadas cara o ría de Muros, callado de brétemas e de follas. As brétemas no meu País pentean de cinza e auga unha paisaxe que desaparece coma se fose un pantasma de fume. A xente, os castiñeiros, as silveiras, esvaecen cando o fuscallo fai das súas neste val de bágoas. Choran os salgueiros unha semente de auga que fará medrar plantas e nenos.
Bendita chuvisca pingando das tellas da palleira, dos carballos, das corticeiras, ela molla docemente gando e terra e tamén ó Manoel meu avó, outrora mariñeiro, que apaña vimbios a beira do río. Lembro a meu avó, agora zoqueiro, cesteiro, contador de historias nas longas noites de inverno, o carón dos tizóns da lareira, festa de fume e charamelas. ¡Cóntame outra vez, avó, cando de mozo andabas o Gran Sol!. Nos ollos e na risa de meu avó estala unha antiga marea de peixes, redes e gaivotas. Tamén no meu peito agora, moitos anos despois, estala esta ardentía de lembranzas do meu País

Xosé, Verán 2015

  • Gústame
  • Encántame
  • Faime rir
  • Abráiame
  • Entristéceme
  • Anóxame