Suso de Toro:
"ACABOUSE A ROBALIZA, CHEGOU A “LUBINITA”
Hai tempo que nos restaurantes deixaron de ofrecer robaliza e comezaron a ofrecer “lubina” na carta. Ás veces especifican “lubina salvaje” para diferenciala da robaliza de granxa.
Agora xa non venden robaliza nin as pescadeiras. Agora nada máis venden “lubinita, lubina ou lubina salvaje”. Miñas pobres, que falta de educación chamarlle “salvaje” a unha robaliza que andaba ao seu tranquilamente sen ter falta de que ninguén a molestase capturándoa e aínda por riba chamarlle salvaxe.
Ese proceso comezou hai poucos anos, co crecemento do papel que o turismo e a hostelería foi collendo. Hoxe o turismo e a hostelería funcionan e condicionan como se fosen o total da vida pública e da vida económica. Semella que nada máis hai turismo. É iso certo? Chegamos xa a iso? A que toda a vida económica, o noso futuro, as nosas vidas dependan do turismo? Non o sei. Mais tal parece.
O conto é que o aspecto colonizador que ten o turismo está a afectar todas as nosas vidas. Tal cousa é boa ou mala segundo sexa cómoda para o turista. Madrileño ou mesetario é o modelo, será que nada máis existe ese turista e non veñen portugueses nin vascos, cataláns..., ou galegos poño por caso, que ás veces tamén viaxamos polo noso país.
Temos que adaptarnos ao que nos digan os turistas. Debemos ser como lles resulte cómodo aos turistas. Non vaia ser que se sorprendan, que se sintan incómodos viaxando a un país distinto ao seu. Debemos parecer que somos como eles, que falamos como eles. Non vaian a incomodarse.
E así até as pobres robalizas teñen que disfrazarse de “lubinas”, non vaia ser que os cayetanos se desgusten porque hai un peixe que non coñecen. Porque aló na súa terra no río a eses peixes chámanlle “lubinita”.
Se nos portamos como escravos, falamos e nos vestimos como escravos, se nos arrastramos e lles entregamos a nosa dignidade acabarán por tratarnos como os seus servos. E farán ben.
Unha pouca dignidade e sentido común: a robalilza é unha señora peixe, merece ser chamada polo seu nome, robaliza."