Acerca de Caxigo
Rede social galega. Non perdas as derradeiras novas deste país incesante. Comparte as túas inquedanzas e fai disto unha ferramenta alternativa.

2012

COMO, POR E PARA QUE?

A finais do ano 2012 comézanos a rebulir e xurdir nos nosos miolos unha antiga inquedanza, que non era outra que pór os xermolos para botar a camiñar unha rede social xenuinamente galega. Pouco a pouco fomos collendo folgos e, despois de darlle moitas reviravoltas, aló polos días iniciais de xaneiro de 2013, poñíamos os primeiros piares para que Vituin -agora Caxigo- se convertera nunha realidade.

Na actualidade estase a desenrolar unha grande fartura de engaiolantes redes sociais que se moven con carácter -case que- feramente económico, controlador de masas e, polo tanto, do poder. Mesmo que nos negan como País. Non sería a primeira rede na cal nos utilizan sen o noso consentimento con fins mais que dubidosos e escuros. Dende o mais absoluto respecto cara estoutras devanditas e aos seus usuarios e usuarias, Vituin sae do ovo e nace con e para fins ben distintos. Pretende ser unha ferramenta alternativa e abrir un novo vieiro para fornecer a nosa lingua e idiosincrasia propias como pobo na que todos e todas poidamos seren os protagonistas expondo cada quen, libremente e sen ataduras de ningún tipo, as súas inquedanzas, vivenzas e seus lexítimos ideais. Na realidade e con sinxeleza, tentamos de encher un baleiro nun País orfo dunha grande rede social de seu.

Isto, dalgún xeito, vén a ser ou a escolmar o como, por e para que sae do berce, emerxe e xurde Vituin, agardando que sexa o celme da rede social galega que, dende o noso chan, espalle por todo o planeta os nosos ventos ábregos e a nosa alba de groria.

Coidamos que só así, vivindo sen complexos, acadaremos un presente que xa nos pertence e albiscaremos un futuro sen ren que envexar a nada nin a ninguén.

2014

NOVOS TEMPOS SON CHEGADOS

Como queira que a buxaina terráquea segue a xirar e os tempos virtuais trocan moi axiña, coidamos que o mais axeitado sería mudar o nome e algúns contidos da nosa rede social. Polo cal, o que até hoxe e que xa noutrora foi Vituin, agora, e dende arestora pasa a chamarse “Caxigo”. Sempre conservando as mesmas funcións e características básicas do pasado Vituin, xunto coas melloras que xa iredes ollando e descubrindo co seu uso.

Benvidos, de novo, e que teñades unha boa andaina na estrea de Caxigo!

Adiante pois, estades e atopádesvos na vosa rede -xenuína e inconfundibelmente- galega.

2016

APRODIGA

No mes de xaneiro do 2016 constitúese APRODIGA (Asociación pola Promoción e Dignificación do Galego).

MARCOS SUÁREZ, fundador e creador desta rede social galega, da cal viña sendo, ao mesmo tempo, o seu titular comunica: De agora en diante a titularidade de CAXIGO pasa a pertencer á Asociación APRODIGA, na cal seguirán todas e todos os membros do equipo actual e algunhas outras novas incorporacións. Deste xeito intentamos seguir avanzando coa rede dunha maneira máis profesional, medrando e mellorando en todos os sensos e aspectos.

Incorporamos moitas novidades e funcionalidades que os usuarios e usuarias nos pedían; así como a posibilidade de colaborar con nós, dun xeito voluntario e/ou altruísta.

Isto fará posíbel a continuidade e mellora da rede. Lembramos que se trata dunha asociación cultural sen ánimo de lucro e que, polo tanto, non buscamos nin pretendemos beneficio propio algún. As persoas que lle dedicamos tempo a este sinxelo -mais engaiolante- proxecto facémolo desinteresadamente a prol da nosa fala, da nosa cultura e da nosa idiosincrasia como pobo.

Este cambio non afectará, en ningún caso, á continuidade nin ás condicións. Pola contra, axudará a que o vieiro que comezamos a percorrer a finais do ano 2012 se vaia convertendo nunha fermosa e saudábel andaina sen retorno; así coma nunha ferramenta para acadar un abrente pintado de esperanza sempre limpo de imbéciles e escuros.

2019

CAXIGO INNOVA

Seguimos na procura dun Caxigo mellor. Como puidestes ver; vimos de darlle unha volta ao deseño e ás funcionalidades da rede e tamén de actualizar a aplicación móbil. Iredes ollando, pouco a pouco, as últimas innovacións que incorporamos incluíndo unha experiencia de usuario máis optimizada.

Desexamos que sigades desfrutando desta rede que é de todos os galegos e galegas. Disque os medios nos teñen un chisco esquecidos, aínda que a nós dános que debe de ser certa envexa por ter unha ferramenta autóctona, propia, deste noso País incesante. E todo isto sen obedecer a ningún tipo de censuras, presións, subordinacións ou chantaxes.