Sentires Galegos
Recende a natura da terra,
ule a doces versos recitados,
perfume con literatura galega
e patriotismos que foran silenciados.
Espertou o día azul e branco
entre raios de sol galeguizados,
entre o orgullo e o berro patrio,
entre os bicos dos namorados.
Vai o día cunha sensación tenra
de sentires galegos entusiasmados
onde xorde unha irmandade fraterna
cos galegos versos do himno cantados.
Coma sensible caricia materna
coma os galegos soños soñados,
coma o verdor dunha alameda
son os galegos sentires falados.
Coma o arrecendo da natureza,
coma o mellor sabor que capta a alma,
é o día da patria galega
cando renace a galega esperanza.
Cunha enxebre fortaleza
renace e crece o amor á patria,
nace e florece a galega beleza
co feitizo destas terras máxicas.
Poesía by Xurxo Gago Chao
