Apoutando Ánimo
Un belo e inmenso ceo aluarado,
un bohemio meditar do ser,
un ánimo positivo apoutado
que di: – Hoxe si. É ou non é?
Un quecido sentimento trasnoitado,
unha varanda para mirar ao amencer,
un ánimo positivo apoutado
que di: – Hoxe si. É ou non é?
Un pinchacarneiro sobre campo mollado,
un vichelocrego asubiando outra vez,
un ánimo positivo apoutado
que di: – Hoxe si. É ou non é?
Unha torpe zarapallada do pasado
unha señardade que fai aprender,
un ánimo positivo apoutado
que di: – Hoxe si. É ou non é?
Un nobre convencemento espertado,
un xa sei o que hei de facer,
un ánimo positivo apoutado
que di: – Hoxe si. É ou non é?
Poesía by Xurxo Gago Chao





