¡En pé!
   ¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!
   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!
   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.
Da terra asoballada
1917. Ramón Cabanillas
#literaturagalega
 
       
				 
				 
				 
				 
				 
				









