Só temos que prestar atención ó que pasa ó noso redor para darnos conta de que algo non está funcionando. A sociedade corrompose a pasos curtos, monótonos e continuos. Vivimos xa nun mundo que nunca foi o noso, un mundo marcado polo conxunto no que o individuo pouco ten que dicir xa. A súa vida enteira depende directamente do resto de persoas, non hai forma de escapar a iso.
Xa non hai máis liberdade de elección, non hai vocación que valga, non somos máis que instrumentos, pezas, que forman parte dun colectivo maior que simplemente nos esnaquiza, nos degrada moi pouco a pouco, moi amodo. Xa non somos quen de fuxir de iso, xa todos estamos controlados dunha forma ou outra, todos somos vulnerables, principalmente porque queremos ser públicos, queremos ser parte das redes, do Internet, das fotos, dos vídeos, da media, da nova vida. As relacións son agora avatares, non persoas. A sociedade está perdendo pouco a pouco o seu rasgo máis característico, ser humana, relacionar.
Xa non hai liberdade, nin capitalismo, que non é agora outra cousa que un conxunto de monopolios tan ben levados que controlan o mercado.
Xa non somos individuos, e pouco a pouco deixaremos de ser sociedade, ecosistema e mundo. Despreciamos a terra que nos deu todo o que temos como despreciamos ó amigo que nos levou ata onde estamos agora. As guerras son agora de recursos, de capitais, de ameazas, de especulacións, son guerras pantasma moito peores cás guerras de morte que tiñamos antes. E cada persoa vive sen ser individuo e sen querer ser colectivo, cada relación acaba por non significar nada, non existe individuo nen sociedade, e enmascaramos todo iso tras unha pantalla táctil 12 pulgadas. Ficamos parados ante un patinete que funciona só mentres lemos con indiferenza noticias de persoas desesperadas porque non teñen nin terra onde durmir, porque non teñen agua que vivir e porque non teñen árbores dos que comer.
Este é o mundo no que vivimos. Hoxe laiome del, do monótono fungar de reloxo alemán que o rexe, pero mañá volverei ser unha peza máis do mesmo, un simple engranaxe que vai tocar até que o barco se afunda, un individuo máis sen individualidade nen sociedade.

  • Gústame
  • Encántame
  • Faime rir
  • Abráiame
  • Entristéceme
  • Anóxame