#Camaleónicos Xa chegaron ao Concello de Teo os réptiles camaleónicos. Si; eses que trocan de cor segundo lles vaia ben ou, mesmo, lles pete. Estoume a referir ao IBI (Imposto de Bens Inmobles). Case que todos/as sabemos que o imposto do IBI depende do Ministerio de Facenda e non do Concello. Pero os “iluminados dirixentes” do concello de Teo intentan desviar a atención do contribuínte para dicir que eles son uns santiños. Ou, o que vén a ser o mesmo non dicindo toda a verdade que é a peor das mentiras. Non traten de enganarnos nin desculparse. Díganlle aos seus cidadás e cidadáns dun xeito moi claro que, se ben, dito imposto depende do Ministerio de Facenda; “AS PORCENTAXES OU TIPO DE GRAVAMES” son única e exclusivamente competencia dos Concellos. Neste caso do Concello de Teo. E que eu saiba; vostedes; non están a aplicar, precisamente, a porcentaxe ou gravame mais baixo nin moito menos. O que seguen dicindo de fraccionar ou non os pagamentos; iso xa é auga doutro muíño que vostedes utilizan para desviar a atención e vendernos o favor.
Xa que vostedes non o queren dicir dun xeito claro e diáfano, voullo a dicir eu para que as/os cidadás/cidadáns de Teo o saiban sen andar con arrodeos.
-TIPO IMPOSITIVO OU DE GRAVAME: Porcentaxe fixado, única e exclusivamente, polo Concello para cada tipo de inmoble. O tipo de gravame mínimo e supletorio será o 0,4% cando se trate de bens inmobles urbanos e o 0,3% cando se trate de bens inmobles rústicos. Pola contra, o máximo será do 1,10% para os urbanos e 0,90% para os rústicos.
Cales está a aplicar o Concello de Teo? Iso é que precisamos e queremos saber. O resto son gañas de marear a perdiz.

image
  • Gústame
  • Encántame
  • Faime rir
  • Abráiame
  • Entristéceme
  • Anóxame