Cando te vexo durmir, á sombra morniña do #arume dos #pinos, ennegrezo de ciúmes sabendo que baixo as túas pálpebras latexa a sombra verdescente dunha palmeira.
E cando te vexo durmir sobre o manto dourado que lle fai de berce ó #Cantábrico, en ciúmes ardo, sabendo que os teus pes soñan coas negras areas doutras praias.
E cando penso nos teus beizos bicando as froitas dos teus lares, cando penso nas túas máns abrindo a terra cincenta e lonxana na que medraches, cando te miro e te perdes no ceo grisallo e triste do norte, sei que soñas cos agarimos dourados do trópico. Así, sinxelamente, bébedo de saudades: gústasme.
E gústame a túa morriña. Gústanme os teus sorrisos e as túas praias negras, e as túas palmeiras. E gústame sentirte cheo de #ciúmes, cando durmindo á sombra delas, sabes que baixo as miñas pálpebras agroma o arume verde dos meus pinos.